Saturday 04 de May de 2024

O BNG da Laracha publica un novo número do seu boletin a “Arnela”


Este novo número é un especial sobre os proxectos de parques eólicos que afectan o noso concello

Durante os próximos días será distribuido por todo o concello da Laracha un novo número do boletin informativo do BNG, a Arnela. Trátase dun número especial no que informamos dos tres proxectos de parques eólicos que están agora mesmo ou estiveron recentemente en periodo de exposición pública, e tamén doutros parques que afectan, directa ou indirectamente, as parroquias do concello da Laracha.

Neste boletín, en primeiro lugar informamos das alegacións presentadas polo BNG aos proxectos de parques eólicos de Coto Loureiro (do que xa rematou o prazo de exposición pública), Carboeiro (en periodo de exposición pública ata o día 4 de xullo) e Monteagudo (en periodo de exposición pública ata o 15 de xullo). Nas páxinas centrais publícase un mapa do noso concello coa indicación da ubicación dos aeroxeneradores destos tres proxectos e doutros que afectan o noso concello, de xeito que a veciñanza poida ver a multitude de enormes torres xiratorias, en moitos casos de máis de 200 metros de alto, que inundarían o territorio do concello da Laracha. Finalmente expoñemos a posición do BNG sobre a enerxía eólica, que desde o noso punto de vista debe ser un recurso que se utilice dun xeito sustentábel, respectuoso co medio rural e coa xente que vive no rural; un modelo con participación pública, que xere beneficios no noso país. O que non pode ser é que toda Galiza sexa un enorme parque eólico onde as multinacionais enerxéticas de fóra veñan a explotar un recurso de todas e todos como é o vento, que o fagan inzando de parques eólicos o país sen respectar espazos naturais, patrimonio, actividades agro-gandeiras e forestais, e sobre todo afectando gravemente a vida de moitas persoas que habitan no rural. Non pode ser que leven os beneficios e non deixen nada no territorio, e que aínda soportando todo o custe que isto supón as galegas e os galegos teñamos que pagar a tarifa eléctrica máis cara do estado.